Celebradas as IV Xornadas AGALI "A educación en Brasil no século XXI"

O día 16 de outubro celebrouse na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, a cuarta edición das Xornadas Agali co tema “A educación en Brasil no século XXI”. O encontro, que contou coa presenza de estudantes de Xeografía, foi inaugurado por Francisco Armas, tesoureiro e membro fundador da Asociación Agali.

O primeiro relator foi o profesor Marcelo Horta Messias Franco do Instituto Federal de Amazonas (Lábrea, Brasil) co tema “Desigualdades educativas e desenvolvemento local no Amazonas”. Marcelo introduciu a rexión de Lábrea, que se atopa na Amazonia, as súas características xeográficas e indicadores económicos e sociais. O eixo central da súa presentación foi a situación das escolas de interior municipais e o grao de analfabetismo na rexión. Así mesmo, sinalou os proxectos que se levaron a cabo para mellorar as malas condicións das infraestruturas, como por exemplo os accesos, que limitan en gran medida o desenvolvemento desta rexión.

A segunda presentación estivo a cargo do profesor Lourival Cardoso Dá Silva, Vicepresidente da Asociación Agali que centrou a súa participación nas desigualdades que existen no territorio brasileiro, desde un punto de vista económico, social e paisaxístico. Ao finalizar tivo lugar a Mesa de Debate “Realidades educativas en Brasil: Un estado de benestar para todos” na que interviñeron os dous relatores e os asistentes á xornada.

«Volver